Árbore caducifolia que abunda nos bosques do norte da península ibérica, aínda que a súa orixe se cre que se remonta aos Balcáns, a península de Anatolia e ao Cáucaso.
Consta de follas lanceoladas con marxe crenado e nerviación pinnada, rematando os nervios nos dentes dos bordos. Posúe flores en amentos, sendo as masculinas de maior tamaño que as femininas (que, por outra banda, nacen na base das masculinas). Os seus froitos son as castañas, con numerosas utilidades culinarias, que medran dentro dunha envolta recuberta de espiñas punzantes chamada ourizo, que se abre en 2 ou 4 valvas para liberar dito froito.
Abundan en solos silíceos, o que explica a presenza desta árbore en Galicia.