O xoves 12 de abril tivemos a sorte de contar con Paula Diéguez, bióloga e investigadora do Instituto de Antropoloxía Evolutiva Max Planck, en Alemaña. Paula explicounos o seu proxecto de investigación PanAf (Chimp&See), que consiste en entender a aparición do comportamento e a cultura dos chimpancés. A información recóllena de 30-40 poboacións de chimpancés mediante técnicas non invasivas. Así estiman a densidade de chimpancés, estructura demográfica e social, análisis de isótopos para avaliar o comportamento de cacería e o seu estado nutricional, así como a xenética e un amplo espectro de datos ecolóxicos relacionados coa disponibilidades de plantas, insectos e presas.
Paula ensinounos algúns dos comportamentos máis interesantes que observaron nos puntos de recollida da información como a pesca de algas, a apertura de noces con pedras, o coidado das crías por parte dos machos e incluso a adopción de crías. Despois, nos laboratorios europeos, procédese a unha análise detallada de todas as mostras obtidas nos diferentes puntos de traballo polos traballadores de campo, os cales teñen que estar nese punto de traballo entre 12 e 24 meses. A gran variedade de tipos de mostras implica diferentes tipos de análise: xenético, taxonómico (plantas, insectos...), molecular etc, polo que obteñen unha gran cantidade de información sen intervir de maneira directa cos chimpancés, xa que os datos deben tomarse de chimpancés salvaxes, nunca acostumados á presenza humana. Polo tanto, este traballo de investigación é de gran importancia para poder entender a aparición de comportamentos nestes primates, quedando moito por descubrir sobre os grandes simios! |
No mes de marzo proxectáronse na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, os documentaisl "Cowspiracy" e "Live and let Live", de temática ecoloxista-animalista, medioambiental e de alimentación. Ao rematar houbo turnos de opinión, onde todas aquelas persoas que quixeron, puideron expresar as súas impresións. Houbo un interesante debate no que se sacaron moitas conclusión en canto ao impacto do consumo de carne sobre o medioambiente, o benestar animal e a nosa saúde. |
As plantacións de eucaliptos lonxe de diminuír en Galicia e outras partes da Península son cada vez máis numerosas. Algúns sectores da poboación parecen estar encantados con esta situación e outros tíranse dos pelos aclamando unha solución. A desinformación sobre o tema é tan profunda como a gravidade da situación, potencialmente insostible a longo prazo. O eucalipto parece ser a panacea do rexurdir económico no rural, pero, cales son as consecuencias reais? O problema dos eucaliptos é polémico e está lonxe de resolverse, abarcando unha desinformación enorme. Por conseguinte, organizamos unhas Xornadas informativas cunha mesa de debate que tratOU a controversia do eucalitpo dende o enfoque socioeconómico como o medioambiental.
OS BLOQUES TEMÁTICOS DA MESA DE DEBATE FORON 1.- CAL É IMPACTO DO EUCALIPTO SOBRE O MEDIOAMBIENTE? Dentro deste bloque pretendemos abordar tanto as consecuencias sobre os ecosistemas, perda de biodiversidade, solos... A problemática do lume vencellada ao eucalipto preténdese abordar por separado no seguinte punto, pola súa maior controversia e importancia socioambiental. 2. EXISTE UNHA RELACIÓN ENTRE O LUME E A EUCALIPTIZACIÓN EN GALICIA? Pretendemos profundizar no debate sobre as posibles implicacións da silvicultura do eucalipto na problemática do lume. 3. É SOSTIBLE A SILVICULTURA DO EUCALIPTO NA ESTRUTURA SOCIAL E ECONÓMICA GALEGA? Neste bloque, preténdese chegar a unha conclusión global sobre a viabilidade deste sector económico, en especial a longo prazo, e se é argumentable a súa integración dentro dun modelo de desenvolvemento sostible. |
Os membros da asociación Bota e Bata fomos o sábado 30 de setembro a Valdoviño (Ferrol), a visitar o Areal e a Lagoa da Frouxeira coa intención de coñecer as aves daquel lugar. Este humidal costeiro é un punto de grande importancia ecolóxica, en especial pola variedade de fauna aviaria que nel se poden atopar; por estes motivos foi declarado Zona húmida de Importancia Internacional, Zona de Especial Protección de Aves e Lugar de Importancia Comunitaria.
Chegamos ao lugar a última hora da mañá para montar as tendas antes de comer nun camping situado cerca da lagoa. Xantamos xuntos e, despois dunha longa sobremesa a contos, encamiñámonos a primeira hora da tarde cara a lagoa. Ao irnos achegando a ela comezamos a ver un bo número de aves, primeiro chascos (Saxicola torquata) que vivían na duna que bordea o areal, e logo xa nos bordes da lagoa observamos abraiados a variedade de limícolas que alí vivían: pilros bulebule (Calidris alba), pilros curlibicos (Calidris alpina) e pilrospatimouros (Calidris minuta),así como algunha que outra píllara papuda (Charadrius alexandrinus) e real (Charadrius hiaticula). Xusto ao chegar á masa de auga vimos un cormorán grande xuvenil (Phalacrocorax carbo) que descansaba nunha rocha, acompañado por un par de gaivotas choronas (Larus ridibundus) coa súa plumaxe de inverno. Seguimos co noso camiño rodeando a lagoa acompañados ocasionalmente por algún chasco e algunha lavandeira (Motacilla alba), atentos as plantas, fungos e animais que viamos polo camiño, ata que chegamos a un observatorio de aves desde o que se divisaba a lagoa enteira. Armados coas nosas cámaras e prismáticos observamos e retratamos os lavancos (Anas platyrhynchos) que nadaban nas augas do humidal. Acabamos de rodear a masa de auga afastándonos un pouco dela mentres percorriamos vías secundarias e explorabamos camiños de terra. Nesta senda vimos unhas chamativas larvas de macaón (Papilio machaon) e moitos cogomelos, entre os que nos chamaron a atención os exemplares de Clathrus ruber, e o seu conxénere Clathrus archeri, unha especie invasora a cuxa erradicación intentamos axudar. Finalmente volvemos alcanzar a praia, onde pasamos o resto da tarde divertíndonos con xogos en grupos, nalgún momento coa compaña dunha píllara dourada europea (Pluvialis apricaria). Xa se puxera o sol cando chegamos cansos ao camping, pero algúns dos membros da asociación non dixeron non a ir á noite á festa da vila! A mañá seguinte, despois de prepararnos e recoller as tendas fomos en coche ata o medio do areal anexo á lagoa e percorremos a duna, onde vimos a súa particular vexetación, para logo seguir pola praia ata o pé da elevación na que se sitúa o faro da Frouxeira. Na praia un amigable pilro bulebule achegouse bastante ao grupo e vimos o cadáver dun alcatraz (Morus bassanus). Cambiamos moito de ambiente cando dende a praia nos encamiñamos cara o faro, subindo entre toxos e silvas entre as que se vían chascos e azulentas (Prunella modularis). Ese día comemos onda o faro, cunhas vistas impresionantes ao mar dende uns cantís perforados por túneles militares. Desde esta altura vimos gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e alcatraces (esta vez vivos) que voaban a unha grande distancia coas súas crías. Despois duns contos e un paseo por aquela paraxe singular, demos volta cara aos coches e puxemos fin a unha excursión interesante e divertida. |