Departamento de Zoología, Genética e Antropología Física
<
>
ENTREVISTA A: Prof. Gonzalo Álvarez Jurado.
Como cambiou, dende o teu punto de vista, o mundo da universidade dende que eras alumno ata hoxe en día? E a forma de impartir docencia dende que empezaches a dar clase ata agora?
Non sei se terá moito sentido que responda a esta pregunta, dado que eu acabei a carreira no ano 1971. Por tanto, a Universidade cambiou totalmente dende que a coñecín como estudante a como a coñecín agora, de maneira espectacular. O cambio foi a mellor. Unha das melloras máis importantes é que na Universidade, hoxe en día faise investigación, unha investigación de calidade. No ano 1971 España atopábase nunha ditadura, e a Universidade non estaba atendida. Por tanto, non se facía investigación. Eu por exemplo, despois de ler a tese no 1978, publiquei o meu primeiro traballo de investigación en 1979 nun xornal holandés, ”Genetica”. Nese intre quedei asombrado de como un experimento feito aquí, en Santiago, fose publicado nun xornal tan bo. Se preguntas, podes ver que hai poucos artigos publicados nos anos setenta en España. Os españois que publicaban, era porque ían ao estranxeiro a facer o postdoutorado, e xa alí publicaban. Xa nos anos 80 aumentou. Foi un incremento impresionante ata actualidade, onde calquera grupo da universidade de Bioloxía ,CIBUS, etc. están publicando artigos en xornais internacionais. Fai pouco saíu un estudo internacional de distintas facultades, onde se proporcionou o dato de que a Facultade de Matemáticas da USC está entre as 50 mellores facultades do mundo. Cando llo conto a xente, dinme “iso está mal”. Cabe dicir que entre as 100 mellores facultades de matemáticas do mundo, creo lembrar, que había oito ou nove facultades españolas. Por tanto o cambio foi clarisimamente a mellor. Respecto á forma de impartir docencia, tamén cambiou. A clave da docencia universitaria non é ensinar coñecementos 'a pelo', senón ensinar como se acadan. O enfoque do mestre universitario debe ser un enfoque investigador. Iso é un científico, aquel que constrúe o coñecemento científico.
Quixeches dende sempre dedicarte a investigación? Que foi o que che fixo querer ser investigador nesta especialidade? Como conseguiches estar nun grupo de investigación?
Cando un é xove non sabe o que quere. Cando fixen a carreira descubrín que o que me gustaba era a xenética e a evolución. Deste xeito, cando rematei a carreira traballei como mestre nun instituto de Cangas durante un ano. Pero ao mesmo tempo que compaxinaba as clases do instituto, empecei a facer a tese en Santiago cun mestre da Universidade. A investigación foime atrapando cada vez máis, sempre arredor da xenética e da evolución. Dese xeito inducín a miña carreira científica. Hai que intentar buscar algo que che guste, o cal non é doado, pois cando es máis cativo, entre que lle tes manía a determinadas cousas, outras non chas explicaron ben... No meu caso, por exemplo, tiven unha época na que me gustaba a antropoloxía, e sempre tiña a dúbida de se estaba a facer ben meténdome en xenética ou se debería cambiarme. Pero pouco a pouco vas descubrindo o que che gusta e dis ”isto encántame”, a min encántame o traballo de investigación e a docencia. Cada vez a docencia gústame máis, e cada ano que pasa máis e máis. Coa investigación acontéceme o mesmo, pero é durísimo, moito máis do que a xente cre. Teñen unha idea moi inxenua da investigación. Se es malo nunha profesión vaste a amargar, e para ser bo en investigación, ou xa simplemente aceptable, hai que traballar moitísimo. Eu sempre digo que na despois da tese e postdoutorado, a xente que estabamos aquí traballabamos todos os días do ano unha media de 12-14 horas diarias. Eu só me tomaba un mes de vacacións onde descansaba de todo. Pero coñezo a un amigo que tomou as súas primeiras vacacións cando chegou a ser profesor titular da Universidade, aos trinta e moitos anos. É unha profesión moi dura, eu se che digo a verdade, coñezo a pouca xente que lle compense. En calquera profesión tes que ser minimamente bo, o cal custa o seu, e tés que suar tinta. Cheguei a introducirme nun grupo de traballo falando cun profesor que me daba xenética nese intre, facendo un traballo de tesina. Este era un traballo pequeniño de investigación preliminar á tese, semellante ao TFG. Isto serve para palpar un tema, un equipo de investigación e tratar co que che chama a atención.
Que é o que máis e o que menos che agrada do teu traballo? Cantas horas implica dedicarse a investigación?
Do meu traballo encántame a investigación e a docencia, e o que menos corrixir exames. Iso de corrixir unha mesma pregunta unha e outra vez e dicir “Como non o entendeu, se o expliquei mil veces?!”. A día de hoxe traballo xa menos horas en investigación. Como todo, pasas por distintas etapas na vida, céntraste máis en algo ou menos. Cando comezas na investigación precisas traballar a tope. Respecto á nosa xeración, traballamos no seu momento máis horas, en parte porque non había material. Agora xa é máis rápido levar a cabo os experimentos. Pero o feito de que che saía un experimento bonito, deses nos que aportas coñecemento, que aclaras unha dúbida... Iso custa moito. Ademais, ten que estar ben deseñado e pensado. Se a alguén non lle gusta comerse o coco, que non se meta na investigación. Ten que gustarche saber cales son as cousas que moven os fenómenos que observamos.
Hai máis mulleres ca homes estudando bioloxía, ocorre o mesmo nos altos cargos neste traballos?
Dareivos datos, non se poden enganar aos xóvenes. Hai un estudo publicado fai un par de anos ou quizás un pouco máis, pola Unión Europea. Este analizaba a porcentaxe de homes e mulleres que chegaban a catedráticos, o cal, é o nivel máis alto de cualificación profesional. A Unión Europea proporcionou o resultado de que en España era onde existía o porcentaxe máis alto de mulleres catedráticas. Por tanto, hai que quitarse complexos. Gustaríame que quedase claro iso, hai estudos da Unión Europea que poñen a España como o país onde hai unha maior proporción de catedráticas de universidade. Isto significa tamén o país do mundo, con maior proporción de catedráticas.
No se lle dá moita visibilidade a eses estudos.
Non, é que a xente dirache que iso está mal. Cando saen cousas boas do noso país sempre hai o “bah iso está mal”. Eu cando lle contei a todos os meus amigos o da facultade de matemáticas, todos me dixeron “bah iso está mal, home, como imos ser bos en algo”. É o complexo. Hai un sector da nosa comunidade que esta profundamente acomplexado.
Como estudante que acaba de rematar o grao en bioloxía, que se precisa para ser investigador nesta área? Como debemos enfocarnos ao rematar?
Ilusión. Tedes que buscar o voso camiño, tede coidado coas modas. Un ten que buscar o seu propio camiño, o que a ti che vaia ben, o que a ti che mola. Ser feliz. A outro gustaranlle outras cousas. Iso sempre é complicado. Entón, se a ti che aburre a xenética non te poñas a facer un doutorado en xenética. Se che aburre a bioloxía pois ao mellor tes que traballar de outras cousas, orientarte por outro lado. O camiño de cada un é difícil de atopar. Ser xove precisamente é non coñecerte moito. A clave é buscar o voso camiño sen complexos, sen prexuízos, sen que vos digan “como vas facer tal cousa”.
Iso dínnolo a todos cando empezamos esta carreira.
Claro, “¡Vas facer biolóxicas!” Iso é a excesiva preocupación dos pais polo futuro dos fillos que fai que os presionen para que fagan unha carreira desas que teñen moita saída. E de que sirve iso se a ti non che gusta? Vas ser malo nese campo. Hai que apostar polo que a un nos gusta. Imaxínate facendo 12 horas diarias na carreira que che dixeron teus pais e que che parece un aburrimento. Iso non o soporta ninguén. E non todo é a bioloxía ou a investigación. Que ao mellor atopas que o teu camiño é traballar de camareiro. Traballo moi digno, coma outro calquera. Hai moita xente na universidade que entrou equivocadamente, por presión deste tipo cando ao mellor sería moito mais feliz noutro tipo de traballo. E unha cuestión persoal de como te orientes.
Actualmente este departamento colle xente para participar no seu equipo?
Si, sempre se colle xente. Pero ten que ser xente non diga “Ai, que aburrimento, que difícil é isto”. Vaste meter nun campo que é difícil, complicado, no que vas ter que estudar. Pero en todos os departamentos se colle xente.
Hai suficiente financiación para levar a cabo os proxectos de investigación?
Nunca hai suficiente. Pero por exemplo, aquí en Galicia, podes obter financiación da Xunta de Galicia, do ministerio en Madrid, e da UE. En outros países como por exemplo Reino Unido, un pais cunha tradición científica moi grande, non hai diñeiro para a investigación, o goberno non convoca proxectos de investigación, só poden pedir cartos á UE. Aquí temos 3 organismos independentes de financiación. Aínda que é certo que o ministerio e a Xunta, nos últimos anos estiveron apretados coa crise económica. De todas formas unha puntualización, a investigación non é só cuestión de diñeiro.
Que requisitos habería que cumprir para recibir financiación?
Hai un protocolo internacional. Tes que facer un proxecto de investigación. É unha proposta que sae todos os anos, tanto para aa Xunta, como para o ministerio. Ti dis: “Este tema é importante para a xenética e non é suficientemente coñecido. Pois nós imos facer estes experimentos para demostralo”. Inclúes o currículum de todos los investigadores do grupo e o presuposto económico, Non é moi diferente de se pides un proxecto a un organismo ou outro.
3 aspectos fundamentais que ten que cumprir un profesor.
Un profesor universitario ten que ter coñecemento da súa materia, un coñecemento de detalle, e se é posible de investigación. E tamén ter capacidade de transmitir eses coñecementos, hai unha parte de transmisión que é fundamental.
Cousas que cambiarías?
Cambiaría moi pouco, pero todo se pode facer mellor.
E en como se reparten os horarios ou as prácticas, algunha cousa que cambiarías?
Iso faise por departamentos. Por exemplo no noso departamento facémolo por orde de antigüidade. Cada un colle as partes que lle gusta. O último que chega tócalle coller o que ninguén quere, as prácticas, que é unha cousa aburridísima.
Algún consello que nos darías aos estudantes?
Que busquedes o voso camiño, que non é nada fácil, e que non sigades as modas.
Algunha cousa a maiores que che gustaría engadir?
Engadiría que vivades, que intentedes coñecervos. Todos fomos xóvenes, e ser xove é o único problema na vida que se cura só, sen facer nada. Despois non ter medo de equivocarse, quen non se equivoca?. A cuestión é non equivocarte por costume. Equivocarse e dicir, agora teño que rectificar. E non ter prexuízos, o mundo é grande, non hai que autolimitarse, a vida non é un camiño recto. Hai que estar aberto a todas as posibilidades, ao que che ofreza a vida. E tamén desexarvos sorte. Engadir tamén una pregunta que podiades ter feito: Consideras que a universidade de Santiago é boa ou mala? Non che podería responder, tería que dicir depende. Porque dende o meu punto de vista os graos están moi ben, pero os posgraos son moi mellorables.
Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular
<
>
ENTREVISTA A: Prof. Francisco Javier Salgado Castro.
Como cambiou, dende o teu punto de vista, o mundo da universidade dende que eras alumno ata hoxe en día? E a forma de impartir docencia dende que empezaches a dar clase ata agora?
Eu veño do Colexio Universitario de Vigo, que dependía da Universidade de Santiago, onde eramos un número máis reducido de estudantes, polo que, sempre había máis contacto cos profesores, aínda así, non chegamos ao contacto estudante-profesor que hai agora mesmo. Ademais, eu son de licenciatura, o grande cambio que noto é que a maioría das materias antes eran anuais, o que implicaba que tiñas máis tempo para madurar as túas ideas, ser autodidacta manexando libros e ademais tiñas dous-tres parciais que che axudaban coa materia. Agora é todo moi precipitado, concéntrase unha materia nun semestre onde non che dá tempo madurar ideas. Para min, a de licenciatura era unha mellor ensinanza pero hai que adaptarse aos novos tempos. En canto á investigación, antigamente había moitos grupos con moita xente en cada un e agora mesmo hai moi pouca. Isto pode ser debido á falta de oportunidades xa que antes, por exemplo, había máis becas.
Quixeches dende sempre dedicarte á investigación? Que foi o que che fixo querer ser investigador nesta especialidade?
Quería entrar en bioloxía, iso estaba claro, pero cando chegas ábrese un mundo distinto onde ves todas as ramas que hai. O que decantou que quixese ser investigador foi unha materia chamada “Bioquímica especial” que tiña unha parte de inmunoloxía que me interesou moito. Un día pasando pola facultade vin un anuncio no taboleiro que puña “necesitamos alguén para facer estudos de inmunoloxía” e aí foi cando decidín que quería facer investigación.
Como conseguiches estar nun grupo de investigación?
Estar nun grupo de investigación conseguino con moito traballo e sacrificio, durante un ano e medio estiven dando clases particulares e tirando de aforros para poder financiarme. Non desfrutei dunha a beca para investigar ata que conseguín a beca predoutoral da Xunta de Galicia e aí foi cando fixen os meus cinco anos de teses doutoral, que é o que duraba antes.
Que é o que máis che agrada do teu traballo?
Cousas que me agradan son moitas, por exemplo, cousas como esta entrevista, esa relación entre profesor-alumno, gústame saber a opinión dos alumnos, falar con eles, que me conten as súas cousas… Creo que é unha forma de saber onde podes axudalos e rexuvenece. O que máis me gusta é colaborar tanto en docencia como en investigación. Gústame dar clase, transmitir o que me ensinaron os meus profesores previamente e o que aprendo na literatura científica e tratar de poñerllo un pouco máis doado aos meus alumnos na súa aprendizaxe. A investigación apaixoame, as veces dinme que lle poño demasiada paixón pero non imaxino a investigación sen paixón.
E o que menos?
Os poucos medios que temos para traballar, hai moi poucos traballos onde tes que mercar os utensilios cos que traballas (ordenadores, impresora, bolis…), porque o diñeiro é moi limitado. Ás veces, tamén dependendo de onde esteas traballando danche máis facilidades ou menos, por exemplo, este sitio é un centro de investigación pero non recoñecido como tal, isto carrexa a que os nosos estudantes de doutorado teñan máis dificultade á hora de acceder á modalidade “A” de becas da Xunta. Que non se valore o traballo, temos mínimo 240h de docencia ademais de traballos fin de grao e compito con xente que o seu traballo consiste unicamente en investigar, polo que non me parece xusto. E ademais penso que a docencia e a de investigador van da man, ten que haber unha retroalimentación. Pero non quero que vos quededes con esta parte, espero que vos quededes coa parte boa de esta profesión que a min me gusta moito.
Cantas horas implica dedicarse a investigación?
Depende, típico comezar as nove da mañá e hai días que te vas ás sete, outros as nove, dez... Hai días que podes ir comer a casa outros que tes que comer aquí algo rápido. Mínimo oito horas diarias, e nunca paras, levas traballo para a casa pero non me desgusta porque moitas veces o que fas e ler, darlle voltas a como podes facer mellor a investigación. Pero deixamos tempo para outras actividades, eu por exemplo practico aikido e cando estou no tatami non penso en bioquímica, non pensedes.
Hai máis mulleres cá homes estudando bioloxía, ocorre o mesmo nos altos cargos neste traballos?
Alégrome que me fagades esta pregunta, a investigadora principal deste grupo, Monserrat Nogueira, é unha gran loitadora polo papel da muller na Universidade. Se vos fixades, na porta do noso laboratorio veredes fotos de muller investigadoras porque intentamos que as mulleres estudantes de bioloxía acaben reflectíndose en etapas superiores xa que, de momento, hai un número moito maior de homes, isto é un tema que a Universidade ten que solucionar. Ten que solucionarse o feito de que unha persoa polo feito de ser muller non tarde 15 anos máis en conseguir unha cátedra que un home tendo maiores méritos.
Como estudante que acaba de rematar o grao en bioloxía, que se necesita para ser investigador nesta área? Como debemos enfocarnos ao rematar?
O primeiro ter interese por materias “de bata” coma Bioquímica ou Xenética, Inmunoloxía, Enxeñaría Xenética. É importante tamén ter moitas gañas porque este é un traballo no que tardan en verse os resultados. Hai que ser paciente, non decepcionarte, volver intentalo cando as cousas van mal… Isto é importante por exemplo á hora de conseguir financiamento para proxectos. Para traballar como investigadores é importante decidir en que queredes traballar xa que o Grao de Bioloxía é moi variado a nivel de materias tanto da rama ambiental como molecular. O seguinte que debedes facer é preguntar: “onde se fai isto”, “faise aquí?” Logo investigar un pouco como é o grupo, canta xente hai traballando e ver se as características do grupo se adaptan aos teus gustos. Tamén é importante botar unha ollada fóra, por exemplo nas enquisas que se pasan por escrito. Cando se identifica un problema transxeracional, como por exemplo nos créditos do TFG, hai que poñerlle solución.
E o Traballo de Fin de Grao enfócate no que vas facer despois?
Hai varias estratexias, hai xente á que lle gusta picar en diferentes campos e decidir que é o que lle gusta máis e atopar un sitio no que se sinta cómodo.
Actualmente, este departamento colle xente para participar no seu equipo?
Adoitase coller xente para TFG, pero depende porque a financiamento do traballo sae do proxecto de cada grupo. Nós intentamos facelo práctico, sempre que o permitan as circunstancias económicas. Por exemplo, para o ano que vén teño unha persoa pero non sei se poderei permitirme máis. É moi variable dependendo do ano e o laboratorio.
Hai suficiente financiación para levar a cabo proxectos de investigación? Que requisitos hai que cumprir para recibilas?
Sí hai suficiente financiamento, pero creo que o problema é a distribución. Ademais creo que non se pode poñer a competir tartarugas con guepardos. Eu por exemplo non podo ter un alto nivel de investigación ó compatibilizalo con 240 horas de docencia. Ademais aquí é difícil facer colaboracións. O sitio no que debería ser máis fácil conseguir financiamento debería ser a Xunta de Galicia, porén, o sitio no que é máis fácil conseguir financiamento é a nivel estatal. Os requisitos son publicar moito, ser moi activo, ter patentes, ter congresos, ter teses de doutoramento presentadas… Nalgúns casos como proxectos emerxentes da Xunta de Galicia a idade convértese nun requisito, algo que se converteu nalgo que non debería ser así moitas veces. Obviamente ter un bo proxecto é fundamental, aínda que na maior parte das veces pesa tamén moito o currículum.
Tres aspectos fundamentais que ten que cumprir un profesor e tres cousas que cambiarías na docencia.
O primeiro que lle guste a docencia: Ir a clase, contarlle cousas aos estudantes, interactuar con eles… Isto implica tamén ir formándote como docente. Todos os docentes estamos en proceso de formación. O segundo que se necesita é tempo. Corrixir exames e traballos require moito tempo. A terceira cousa que se necesita é preguntar, falar cos que teñen máis experiencia. Entre as cousas que intentaría mellorar sería a coordinación entre os profesores do Grao, tanto no mesmo curso como ao longo da carreira. Hai problemas que se poderían solucionar falando un pouco mais. Recoller a opinión de xente que levan moito tempo traballando e teñen unha perspectiva mais ampla. Por exemplo alguén con moita experiencia pode ter unha visión clara dos problemas que se repiten o longo do tempo. A nivel de estudantes é importante ser participativo por exemplo nas enquisas que se pasan por escrito. Cando se identifica un problema transxeracional, como por exemplo nos créditos do TFG, hai que poñerlle solución.
Algún consello que nos darías aos estudantes:
Que perdades a vergoña a falar cos profesores. Que entendades que se vos escoita e que se intenta poñer solucións aos problemas que existen. A pesar disto tamén debedes entender que hai cousas que, aínda sendo xustas, non poden ser levadas a cabo. Tamén é importante recoñecer que todos somos humanos: ás veces os profesores estamos enfermos, temos días mellores e peores. Por último, dicirvos que non paredes e que sexades activos.